O Concello de Ames está desenvolvendo o “programa Almorzames” en colaboración
coa Gandaría A Portela e as Cáritas Parroquiais do Milladoiro e de Bertamiráns (Ortoño). A través
desta iniciativa estase repartindo de xeito gratuíto leite fresco entre familias necesitadas de Ames. En pouco menos dun mes xa se repartiron un
total de 1.123 litros de leite (883 en Bertamiráns e 240 no Milladoiro) entre os
veciños e veciñas con menos recursos do concello. Ademais, a Gandería Portela
cederá a Cáritas Parroquial de Bertamiráns e do Milladoiro un 10 por cento da
recadación das máquinas expendedoras instaladas en Bertamiráns e no Milladoiro.
Esta cesión farase en botellas de leite, polo que achegarán entre 350 e 400
litros de leite ao mes. Para facer realidade o programa "Almorzames" foi
necesaria a implicación efectiva de diferentes entidades que están a desenvolver
o seu labor no concello de Ames. Así, as Cáritas Parroquiais encárganse do reparto do
leite fresco pasteurizado, que é subministrado pola Gandaría A Portela.
Algúns voluntarios da Caritas durante o reparto no local parroquial de Ortoño
(Rúa Poeta da Mahía, 1 baixo Bertamiráns)
|
Con esta iniciativa, impulsada a través das concellarías de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación; de Servizos Sociais, Familia, Dependencia e Maiores, trátase de dar un paso adiante para paliar as necesidades básicas dos núcleos familiares máis desfavorecidos. O concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación, Bernardo Moar, estivo este xoves 19 de abril no local que a parroquia de Ortoño ten en Bertamiráns e onde está a sede de Cáritas Parroquial (Rúa Poeta da Mahía, 1 baixo) para ver de primeira man como se está desenvolvendo este programa.