“Cremos na igualdade e na dignidade das persoas”
Queridos diocesanos:
Hai sesenta anos un grupo de mulleres da Acción Católica con gran sentido de humanidade e mirada de fe, puxeron os seus esforzos na loita por unha vida digna ao ver a tantas persoas que pasaban fame. Hoxe a fame segue sendo noticia cando 820 millóns de persoas están a padecer esta realidade e 1.300 millóns atópanse na pobreza, sendo tristemente protagonistas os rostros de nenos e de mulleres. Parece incomprensible que isto estea a suceder no noso mundo, pero esta é a realidade.
Igualdade e dignidade das persoas
Teoricamente damos por sentado que todas as persoas somos iguais en dereitos e en dignidade. Mans Unidas comeza un trienio de concienciación nesta clave: “Promovendo os dereitos cos feitos”, cando hai tamén setenta anos tiña lugar a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. “O movemento cara á identificación e proclamación dos dereitos humanos é un dos esforzos máis relevantes para responder eficazmente as esixencias imprescindibles da dignidade humana”. Con todo, percíbese que isto non o fixemos convencemento operativo nese esforzo constante polo ben común. O Concilio Vaticano II lembrábanos que o ben común é “o conxunto de condicións da vida social que fan posible ás asociacións e a cada un dos membros o logro máis pleno e máis fácil da propia perfección”. Neste sentir o papa Francisco afirma que o ben común presupón o respecto á persoa humana cos seus dereitos básicos e inalienables, reclama o benestar social, require a paz social que non se produce sen atención particular á xustiza distributiva. Cando no noso mundo hai tantas persoas privadas dos dereitos básicos, como as que pasan fame, traballar polo ben común é unha chamada á solidariedade e á opción preferente polos pobres.
Tiven fame e déstesme de comer” (Mt 25, 35)
O Señor identificouse cos que tiñan fame e aos que se lles deu de comer (Mt 25,35ss). Se queremos ter os mesmos sentimentos de Cristo,temos que facer unha opción clara polos pobres, poñendo a nosa atención neles e considerándoos como a nós mesmos. O profeta Isaías clamaba: “Ti debes repartir o teu pan co famento, acoller na túa casa os pobres sen pobo, vestir o que vai espido e non te escondas da túa propia carne” (Is 58,7). Cristo, o rei glorioso, que nos vai xulgar é solidario dos máis humildes aínda que sempre respectables. Nesa solidariedade considérase rei como o que descendeu ás situacións humanas máis baixas e coñéceas perfectamente. Cando nos atopamos cos pobres e necesitados estamos a atoparnos co noso propio xuíz. “Estamos chamados a descubrir a Cristo neles, a prestarlles a nosa voz nas súas causas, a escoitalos, a interpretalos e a recoller a misteriosa sabedoría que Deus quere comunicarnos a través deles”. Tendemos facilmente a acalar a nosa conciencia coa esmola de quenda ante situacións catastróficas. O Papa advírtenos: “Non nos podemos quedar tranquilos por facer fronte ás emerxencias e ás situacións desesperadas dos menesterosos. Todos estamos chamados a ir máis aló. Podemos e debemos facelo mellor cos desvalidos”. Esta formulación ten unhas esixencias éticas e morais que son fundamentais no día a día para a nosa implicación no ben común. Agradezamos o esforzo e a dispoñibilidade das persoas que con gran dedicación están a traballar máis directamente en Mans Unidas da nosa Igrexa diocesana.
Saúdavos con afecto e bendí no Señor,
+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.
No hay comentarios:
Publicar un comentario