domingo, 25 de mayo de 2014

Festas patronais: San Xoán

Ortoño, 24 de maio de 2014

Queridos veciños e amigos desta Parroquia:

 

Antes dun mes estaremos de festas: como en anos anteriores honraremos durante tres días ao  Santísimo Sacramento, a San Antón e a San Xoán.

 

Por motivos de calendario estas celebracións serán o domingo 22, o luns 23 e o martes 24 de xuño, coas súas respectivas misas solemnes e procesións. O venres 20 teremos un funeral xeral por todos os defuntos, polos que se rezarán responsos no cemiterio. Este é un dos dous actos xerais que anualmente aplicamos por todos os defuntos.

 

Estas festas son de gran arraigo entre as familias dos  lugares da Parroquia, nos que se festexa S. Xoán coas tradicionais cacharelas e as conseguintes reunións de familiares e  amigos, vivindoos así con intensidade.

 

Este ano –igual que os dous últimos- non se formou unha comisión que organizase  a  parte lúdica e musical, para o divertimento colectivo no campo da festa, sen embargo, desde o eido da Parroquia de San Xoán de Ortoño, integrada por todos os lugares que a conforman, traballaremos xuntos para que estes tres días non pasen desapercibidos  e  na igrexa parroquial terán lugar  os días anteriores,  as novenas de S. Antón e S. Xoán,  celebrando  ademáis misas que se aplicarán por todos, coas aportacións que queirades achegar os veciños e amigos.

 

Son moitas as voces que indican que é unha pena que se perdan algúns dos aspectos que habitualmente acompañaban este día: foguetes, música, ¡banda!, gaiteiros…etc. Entón,  invítase a todos a achegar axudas para poder contratar uns foguetes e uns gaiteiros,  co fin de realzar a hora de celebrar as misas solemnes e as correspondentes procesións, xa que o domingo 22 , os Danzantes de Covas (Meaño) acompañarán á procesión do Santísimo,   e se procuraría buscar algo similar para os outros dous días.

Unha banda de música estaría ben, se fóra posible…

Polo tanto, prégase que os que poidades e o desexedes, ademáis das aportacións voluntarias que xa viñades facendo en anos anteriores para aplicar ás misas, acheguedes este ano algo máis para colaborar na procura dalgún dos elementos que vos cito, que tamén teñen a súa importancia en calquera festexo.

Con agarimo , e co desexo de que o vindeiro mes que moitos chaman de San Xoán,  as festas do Patrón luzcan un pouquiño mellor,  recibide unha aperta sempre cariñosa e agradecida de antemán do voso Párroco,

 

José Luis

 

 



Imaxe dos Danzantes de Covas (Meaño) danzando ante San Xoán no adro da igrexa no ano 2012. Este ano volven..!

No hay comentarios: